Acceso Privado: Entrar »
Portal da Administración Local de Galicia
Presentación de Eidolocal
Que é?
O amplo programa de modernización e reforma da Administración pública galega, coa intención de achegar os servizos á cidadanía, cristalizou tamén cara á Administración local e este proceso instrumentouse mediante a formalización, o 15 de febreiro de 1996, dun convenio de colaboración subscrito pola Consellería da Presidencia e Administración Pública e a Federación Galega de Municipios (Fegamp), para a implantación e desenvolvemento dos servizos informáticos e de telecomunicacións nos concellos. Así mesmo, o 17 de setembro de 2001 asinouse unha addenda ao citado convenio coa intención de ampliar a dimensión do proxecto inicial de tecnificación dos medios operativos da Administración a través da implantación dun portal que intensificase a comunicación e tramitación de servizos vía internet entre as entidades locais e a Xunta de Galicia (Eidolocal).
Por todo isto, pódese dicir que Eidolocal é un portal que a Xunta de Galicia pon ao servizo das entidades locais para que estas poidan darlle información á cidadanía (zona pública do Eidolocal) e que, ao mesmo tempo, sirva de vía de comunicación permanente a través da rede entre todas as entidades locais e a Administración autonómica (zona privada de Eidolocal).
Finalidade
As administracións públicas teñen a obriga de atender a cidadanía e as empresas
ofrecéndolles os servizos que requiren do xeito máis adecuado e accesible. O uso das
tecnoloxías da información e das comunicacións, combinado cos cambios organizativos e a mellora dos
procesos, así como o desenvolvemento de novas habilidades nas administracións públicas constitúen
unha base fundamental para ofertar servizos públicos de maior calidade.
A Xunta de Galicia pon á disposición, na Internet, Eidolocal, e pretende deste
xeito, servir de canle de relación, permanente e inmediata, entre as entidades locais, a Xunta de
Galicia e os propios cidadáns, axilizando os procedementos e difundindo todas aquelas materias que
resulten de interese para o eido local. Ademais, contribuirá a impulsar a aplicación das novas
tecnoloxías, precisamente, no escenario onde este impulso será máis efectivo.
Liñas de actuación e servizos
Eidolocal engloba opcións que facilitan as actividades administrativas dunha unidade de rexistro e dunha oficina de información cara á cidadanía, ademais de intensificar e axilizar a comunicación e tramitación de servizos a través da rede entre as entidades locais e a Xunta de Galicia, incluíndo entre outros:
-
Un rexistro de entradas/saídas : opción que permite rexistrar toda a documentación dirixida a calquera órgano da Administración autonómica de Galicia cos efectos previstos no artigo 38.4º b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e que, pola súa vez, pode ser utilizado polo propio concello para xestionar a súa propia documentación.
-
Unha Guía de procedementos administrativos: descrición, requirimentos, información detallada e instancias normalizadas de máis de 1.400 procedementos administrativos informatizados da Xunta que poden ser iniciados a instancia de parte.
-
Acceso ao Rexistro Xeral de Contratistas: expedición de certificados de inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas.
-
Acceso ao Portelo Único-Consulta de expedientes: información particular sobre o estado actual de calquera expediente administrativo tramitado a instancia de parte ante a Administración autonómica de Galicia, no que o solicitante sexa interesado nos termos establecidos na lei.
-
Acceso gratuíto e completo ao DOG e posibilidade de envío telemático de disposicións para a súa publicación.
- Servizo de correo electrónico: para todos os funcionarios da entidade local dados de alta como usuarios no portal.
Entidades promotoras
A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, mediante a Dirección Xeral de Administración Local e a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas, e a Fegamp como representante de todas as corporacións locais de Galicia.
Participantes no Eidolocal
Considéranse participantes no portal todos aqueles que contribúen a dotar o portal de contido. Principalmente serán as dúas direccións xerais que son promotoras e as propias entidades locais, que poderán incluír no portal as súas informacións nas seccións específicas.
Así mesmo, o portal conta con contidos que ofrecen outros departamentos da Xunta de Galicia, as deputacións galegas e as administracións estatal e europea, que serán ampliados na medida en que estes vaian mellorando as súas propias páxinas.


